30/5/16

VISITA Á EXPOSICIÓN DA AUGA
"H2O"

     Este é outro pequeno vídeo sobre a visita que fixo o alumnado do colexio á exposición sobre a auga montada diante do concello. Déronnos unha chea de datos a ter en conta á hora de abrir a billa.


TRABALLANDO AS LETRAS GALEGAS

     Aquí tedes un pequeno vídeo sobre unha actividade das Letras Galegas que fixo a profe Yolanda co seu alumnado. Grazas por este bonito traballo!


12/5/16


LECTURAS RECOMENDADAS DE MANUEL MARÍA

   Estes son algúns dos libros deste escritor que vos poderían gustar. Ler algún deles, escoitando algúns dos seus poemas musicados, podería ser unha boa opción para introducirvos no seu mundo.


             

                  





MANUEL MARÍA E A MÚSICA


   Os poemas de Manuel María son, dende hai anos, fonte de inspiración para multitude de músicos. Estes son catro exemplos de como a súa poesía e a música son un complemento perfecto.









11/5/16

MANUEL MARÍA:
ACTIVIDADES EN LIÑA


    Aquí vos quedan uns enlaces a unhas entretidas actividades, feitas polo Seminario Galán, sobre o homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. As actividades están agrupadas en dificultade crecente, pero podedes facer as que queirades. Sorte e a pasalo ben!

Facede click para xogar no nivel que vos interese.







TELEXORNAL SOBRE MANUEL MARÍA

     Buscando e rebuscando na rede, atopamos un telexornal feito por nenos, para nenos coma vós. Grazas a este vídeo poderedes facervos unha idea da dimensión deste escritor tan significativo para a nosa lingua. Dende aquí queremos agradecer o magnífico traballo feito polo alumnado do CPI dos Dices-Rois. Esperamos que sexa do voso agrado.


10/5/16

VÍDEO MANUEL MARÍA

Aquí tedes un vídeo sobre un poema do autor titulado:

 "A fala"


 "A fala"

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

MANUEL MARÍA

GALIZA



Galicia docemente

está ollando o mar:
¡ten vales e montañas
e terras para labrar!



Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
¡cargados de traballo
cargados de trafegos!



Galiza é unha nai
velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!



Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
¡Pro hai outra Galiza
que vai no sentimento!



Galiza somos nós:
a xente e mais a fala
¡Si buscas a Galiza
en ti tes que atopala!

9/5/16


LETRAS GALEGAS 2016

     Estamos a piques de chegar un ano máis, ao día no que, dende 1963, celebramos a nosa lingua; o 17 de maio.

     A celebración do día das Letras Galegas, cada 17 de Maio, foi instituída no ano 1963 pola Real Academia Galega para conmemorar a publicación do libro de Rosalía de Castro " Cantares Gallegos", un 17 de Maio de 1863 e homenaxear a algún escritor ou escritora en lingua galega.


                               

    Este ano o homenaxeado é Manuel María Fernández Teixeiro. Naceu en Outeiro de Rei, na Terra Cha luguesa, en 1929. Destacou polo seu carácter reivindicativo e polo seu compromiso político e cultural coa nosa lingua.

    Comezou a publicar dende moi novo. “Muiñeiro de brétemas” o seu primeiro libro de poemas editouno con só 21 anos. É autor dunha chea de libros, utilizando todos os xéneros literarios: poesía, narrativa, teatro... sendo un dos poetas galegos máis musicados de todos os tempos.

   A Real Academia Galega adícalle, polo seu compromiso co idioma galego, o Día das Letras de 2016.



MAIOS 2016

     Este ano decidimos presentarnos, por primeira vez, ao concurso de maios que se fixo na Praza da Ferrería. Para poder levar adiante este traballo, tivémonos que organizar todas/os os compoñentes da comunidade escolar: AMPA, profesorado e persoal do centro.
     O alumnado foi o encargado de escribir e repartir as coplas que se cantaron na Ferrería.




    Foi un traballo duro pero agradecido, xa que a experiencia de saírmos a actuar nesta fermosa praza e diante de tantísima xente, foi impagable. Ademáis, e pese a sermos novatos, recibimos o premio especial do xurado.
   Foi tan bonita a experiencia que esa mesma tarde o grupo recuncou na mostra de maios de Combarro.

     Grazas a todas/os aqueles que dun ou doutro xeito participastes desta bonita experiencia. Para o ano próximo máis e mellor!

Máis fotos facendo click na imaxe.

VISITA Á POLICIA LOCAL

     O pasado mes de abril, o alumnado de 1º curso de Primaria foi visitar as dependencias da Policia Local de Pontevedra no baixo do Pazo da Cultura. Na visita coñeceron, de primeira man, todo o equipamento que teñen e algunhas das funcións que realizan na nosa cidade. Aquí tedes un vídeo sobre esta saída que tanto lles gusta aos cativos.



4/5/16

WEST SIDE STORY

    O pasado martes 19 de abril, levamos ao alumnado de 5º e 6º ao Conservatorio Profesional Manuel Quiroga. Alí puidemos ver unha adaptación en galego do musical West Side Story.

  No auditorio esperaba a banda formada por profesores e alumnos do conservatorio que, moi amablemente, interpretaron para nós algunhas das pezas que forman parte deste coñecido musical. Entre peza e peza de Leonard Bernstein, o alumnado ía disfrutando do teatro de monicreques da compañía Viravolta, que escenificaba un amor imposible entre os seus protagonistas.

    Dende aquí queremos dar o noso agradecemento a todos esas persoas que nos facilitaron a asistencia a esta bonita función.







Se facedes click na seguinte imaxe poderedes ver
 un vídeo da peza máis coñecida deste musical.


Resultado de imaxes para west side story orquesta