8/11/16

AS NOVAS CARAS DO COLE .BENVIDOS PEQUERRECHOS

A continuación presentámosvos un video que sintetiza os primeiros días de cole do alumnado de tres anos, o seu proceso de adaptación, traballo efectuado, rutinas, hábitos e novas aprendizaxes realizadas. Agardamos que vos guste.

29/6/16

FESTIVAL DE GRADUACIÓN DE PRIMARIA

     Agora deixámosvos aquí uns vídeos que recollen o festival de fin de curso do alumnado de 6º. Son varios cortes que recollen os distintos momentos desa tarde inesquecible. Esperamos que os desfrutedes.














EXCURSIÓN AO PARQUE ARQUEOLÓXICO DA ARTE RUPESTRE DE CAMPO LAMEIRO

     O día 7 de xuño o alumnado de 1º realizou unha saída de fin de curso a Campo Lameiro. A xornada resultou moi interesante e os rapaces e rapazas pasárono en grande. Aquí tedes un vídeo da excursión.




22/6/16

FESTIVAL DE GRADUACIÓN DE PRIMARIA.

     O pasado día 15 de xuño, celebramos no Teatro Principal o festival de despedida do alumnado que rematou a súa Educación Primaria. Foi unha tarde moi emotiva na que aflorou algunha que outra bágoa, xa que son moitos anos os que pasaron estes rapaces na nosa escola, e abandoala, definitivamente, non é un paso doado para ninguén.
     Que vos vaia ben na próxima etapa que comezaredes en setembro, e recordade que a sorte, hai que saír a buscala!



https://picasaweb.google.com/103778021515315938122/6298946622981851441
Picade na fotografía para ver o álbum completo.

21/6/16

DÍA DO BALONCESTO NA RÚA

   Estas son algunhas das fotografías tomadas na Avenida de Montero Ríos o día do baloncesto. Facede click na imaxe de abaixo para ver o álbum.

20/6/16

FESTIVAL DE FIN DE CURSO DE INFANTIL


    Aquí tedes algunhas fotos do festival de infantil que celebramos no Teatro Principal. Dende aquí queremos agradecer o traballo de toda a xente que, dun xeito ou doutro, participou na festa. Sin ese traballo a celebración deste fermoso día tería sido imposible. Grazas!

REVISTA ESCOLAR
O GALO 2016



Facede click sobre este galo para ver a nosa revista.

2/6/16

RAP DE MANUEL MARÍA

     Hoxe quédavos aquí este rap feito íntegramente polo alumnado da profe Conchi de 4º. Eles foron os encargados de escribir a letra, de cantalo e de acompañalo con percusión. Seguro que Manuel María estaría máis que contento co voso traballo!

     Parabéns a todas/os, xa estamos impacientes por escoitar a vosa próxima creación.


    

30/5/16

VISITA Á EXPOSICIÓN DA AUGA
"H2O"

     Este é outro pequeno vídeo sobre a visita que fixo o alumnado do colexio á exposición sobre a auga montada diante do concello. Déronnos unha chea de datos a ter en conta á hora de abrir a billa.


TRABALLANDO AS LETRAS GALEGAS

     Aquí tedes un pequeno vídeo sobre unha actividade das Letras Galegas que fixo a profe Yolanda co seu alumnado. Grazas por este bonito traballo!


12/5/16


LECTURAS RECOMENDADAS DE MANUEL MARÍA

   Estes son algúns dos libros deste escritor que vos poderían gustar. Ler algún deles, escoitando algúns dos seus poemas musicados, podería ser unha boa opción para introducirvos no seu mundo.


             

                  





MANUEL MARÍA E A MÚSICA


   Os poemas de Manuel María son, dende hai anos, fonte de inspiración para multitude de músicos. Estes son catro exemplos de como a súa poesía e a música son un complemento perfecto.









11/5/16

MANUEL MARÍA:
ACTIVIDADES EN LIÑA


    Aquí vos quedan uns enlaces a unhas entretidas actividades, feitas polo Seminario Galán, sobre o homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. As actividades están agrupadas en dificultade crecente, pero podedes facer as que queirades. Sorte e a pasalo ben!

Facede click para xogar no nivel que vos interese.







TELEXORNAL SOBRE MANUEL MARÍA

     Buscando e rebuscando na rede, atopamos un telexornal feito por nenos, para nenos coma vós. Grazas a este vídeo poderedes facervos unha idea da dimensión deste escritor tan significativo para a nosa lingua. Dende aquí queremos agradecer o magnífico traballo feito polo alumnado do CPI dos Dices-Rois. Esperamos que sexa do voso agrado.


10/5/16

VÍDEO MANUEL MARÍA

Aquí tedes un vídeo sobre un poema do autor titulado:

 "A fala"


 "A fala"

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

MANUEL MARÍA

GALIZA



Galicia docemente

está ollando o mar:
¡ten vales e montañas
e terras para labrar!



Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
¡cargados de traballo
cargados de trafegos!



Galiza é unha nai
velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!



Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
¡Pro hai outra Galiza
que vai no sentimento!



Galiza somos nós:
a xente e mais a fala
¡Si buscas a Galiza
en ti tes que atopala!

9/5/16


LETRAS GALEGAS 2016

     Estamos a piques de chegar un ano máis, ao día no que, dende 1963, celebramos a nosa lingua; o 17 de maio.

     A celebración do día das Letras Galegas, cada 17 de Maio, foi instituída no ano 1963 pola Real Academia Galega para conmemorar a publicación do libro de Rosalía de Castro " Cantares Gallegos", un 17 de Maio de 1863 e homenaxear a algún escritor ou escritora en lingua galega.


                               

    Este ano o homenaxeado é Manuel María Fernández Teixeiro. Naceu en Outeiro de Rei, na Terra Cha luguesa, en 1929. Destacou polo seu carácter reivindicativo e polo seu compromiso político e cultural coa nosa lingua.

    Comezou a publicar dende moi novo. “Muiñeiro de brétemas” o seu primeiro libro de poemas editouno con só 21 anos. É autor dunha chea de libros, utilizando todos os xéneros literarios: poesía, narrativa, teatro... sendo un dos poetas galegos máis musicados de todos os tempos.

   A Real Academia Galega adícalle, polo seu compromiso co idioma galego, o Día das Letras de 2016.



MAIOS 2016

     Este ano decidimos presentarnos, por primeira vez, ao concurso de maios que se fixo na Praza da Ferrería. Para poder levar adiante este traballo, tivémonos que organizar todas/os os compoñentes da comunidade escolar: AMPA, profesorado e persoal do centro.
     O alumnado foi o encargado de escribir e repartir as coplas que se cantaron na Ferrería.




    Foi un traballo duro pero agradecido, xa que a experiencia de saírmos a actuar nesta fermosa praza e diante de tantísima xente, foi impagable. Ademáis, e pese a sermos novatos, recibimos o premio especial do xurado.
   Foi tan bonita a experiencia que esa mesma tarde o grupo recuncou na mostra de maios de Combarro.

     Grazas a todas/os aqueles que dun ou doutro xeito participastes desta bonita experiencia. Para o ano próximo máis e mellor!

Máis fotos facendo click na imaxe.

VISITA Á POLICIA LOCAL

     O pasado mes de abril, o alumnado de 1º curso de Primaria foi visitar as dependencias da Policia Local de Pontevedra no baixo do Pazo da Cultura. Na visita coñeceron, de primeira man, todo o equipamento que teñen e algunhas das funcións que realizan na nosa cidade. Aquí tedes un vídeo sobre esta saída que tanto lles gusta aos cativos.



4/5/16

WEST SIDE STORY

    O pasado martes 19 de abril, levamos ao alumnado de 5º e 6º ao Conservatorio Profesional Manuel Quiroga. Alí puidemos ver unha adaptación en galego do musical West Side Story.

  No auditorio esperaba a banda formada por profesores e alumnos do conservatorio que, moi amablemente, interpretaron para nós algunhas das pezas que forman parte deste coñecido musical. Entre peza e peza de Leonard Bernstein, o alumnado ía disfrutando do teatro de monicreques da compañía Viravolta, que escenificaba un amor imposible entre os seus protagonistas.

    Dende aquí queremos dar o noso agradecemento a todos esas persoas que nos facilitaron a asistencia a esta bonita función.







Se facedes click na seguinte imaxe poderedes ver
 un vídeo da peza máis coñecida deste musical.


Resultado de imaxes para west side story orquesta

10/3/16

O COLEXIO VAI Á OPERA.

     Os días dous e tres de marzo, o alumnado de primaria asistiu á representación dunha ópera no Pazo da Cultura. A ópera en cuestión era Guillermo Tell, do compositor italiano G. Rossini. Entre as opinións do alumnado houbo de todo, dende a quen lle encantou a quen lle aburriu, pero todos eles puideron coñecer un xénero de música que non tiñan catado ata este día. A escenografía, a maiores da propia música, ben pagaba a pena.

     Espectáculo de balde e pegado á casa, todo eran vantaxes!




Clicade na imaxe para ver máis fotografías.
DIRECTO DE RADIO NO COLEXIO

     Pasado o Entroido, tivemos a oportunidade de tomar parte e desfrutar de Radio Pontevedra en directo. O programa realizouse na biblioteca na nosa escola e por ela pasaron: o naturista Federico de la Peña, o alcalde Miguel Anxo F. Lores, Sonia Canay representando a AMPA, o motor dos Furious Monkey House Gonzalo Maceira, Ángel, o director do colexio e Rafa, un dos nosos mestres de EF e habitual do entroido pontevedrés.
       A experiencia foi impagable, de xeito que, dende aquí, damos as grazas a todos aqueles/as que a fixeron posible.

Velaí van unhas fotografías deste día.

ENTROIDO 2016

     Como xa sabedes todos, este ano, o Entroido, chegou máis cedo que tarde. Contra todo pronóstico chegamos a tempo para ter todo listo, e dar así conta desta celebración. Uns prepararon disfraces, outros postres típicos, outros bailes ou cancións, algúns incluso unha nave espEcial... En resumo, un "sin parar" que nos tivo a todos a cen dende que comezou o 2016. A celebración que fixemos na Praza de Barcelos contou, este ano, coa bendición do astro rei, que nos permitíu gozar dunha xornada moi agradable tanto a rockeiros como a cociñeiros, astronautas, homes, mulleres... e viceversa.

                    Grazas a todas/os pola vosa colaboración!!!


Clicade na imaxe para ver as fotos da celebración.

26/2/16

DÍA DA PAZ
2016

     O venres 29 de xaneiro celebramos na nosa escola o día da Paz.  Os días previos á celebración, o alumnado estivo a traballar sobre esta temática nas aulas, así como das persoas máis destacadas na procura dun mundo máis amable. Coma anos anteriores, fixemos unha xuntanza no patio das columnas na que estabamos todos os que formamos parte da comunidade escolar. Foi un acto sinxelo pero, cada vez máis, necesario.


Facede dobre clic na imaxe para ver máis fotos.

15/2/16

HISTORIAS MEDOFÓNICAS


     No pasado mes de decembro, o alumnado de sexto curso escribiu algunhas historias de medo para un programa radiofónico en Onda Cero. Como parte desta experiencia, cada un dos/as autores destas historias fixo de mestre dun alumno de primeiro curso. Deste xeito, formamos dez parellas de alumnos/as formadas cada unha delas por unha rapaza ou rapaz de sexto curso e outro de primeiro. Os maiores prepararon aos pequenos na lectura das súas historias, e o resultado foi unha experiencia moi enriquecedora da que todos/as sacaron partido.





Picade nesta imaxe para ver máis fotos.