19/5/15

SEMANA DE EXPOSICIÓNS NOS DISTINTOS ANDARES DO COLEXIO

Durante estes días de maio, estarán expostos nos andares do noso colexio, algúns dos traballos que o alumnado foi realizando ao longo do curso. Estes traballos xiran arredor de diferentes temáticas nas distintas áreas de coñecemento e están realizados coas técnicas máis variadas. Algúns describen saídas do alumnado pola cidade, outras describen o noso universo, a familia, o día das Letras Galegas, o magosto, as nosas vivendas, diferentes aspectos da agricultura, etc.

Se picades na fotografía de abaixo, poderedes ver algúns destes traballos. Esperamos que sexan do voso agrado.



18/5/15

VISITA DO ALUMNADO DE INFANTIL Á EXPOSICIÓN DE XOGUETES ANTIGOS NO MUSEO

Hoxe deixamos un enlace para que vexades unha das visitas que fixemos este ano cos rapaces de infantil do noso colexio. Esta visita realizouse hai algún tempo, pero o vídeo quedou sen subir á rede por problemas técnicos. Solucionados estes problemas, aquí tedes a reportaxe.
Perdoade pola demora.



12/5/15

Actividades na rede sobre Filgueira Valverde

Hoxe deixámosvos uns enlaces a diferentes actividades sobre o homenaxeado no día das Letras Galegas deste ano. Para pasar un tempo enredando con elas, picade nas distintas fotografías do "Vello Profesor", cada unha delas agocha diferentes actividades. (As idades son orientativas)
 Infantil

 1º e 2º curso

 3º e 4º curso

 5º e 6º curso






11/5/15


FILGUEIRA VALVERDE:
 O "vello profesor"

Estas son dúas pequenas curtametraxes que poden axudar a facervos unha idea de quen era Filgueira Valverde. Ás veces unha imaxe vale máis que mil palabras.





Xosé Fernando Filgueira Valverde


Día das Letras Galegas 2015




 Xosé Fernando Filgueira Valverde naceu en Pontevedra en 1906. Realizou estudos de Dereito, Filosofía e Letras (alcanzando o título de doutor) e Psicoloxía nas Universidades de Santiago de Compostela e Zaragoza. En 1923 formou parte do grupo de fundadores do Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a sección de Historia da Literatura. Desde ese momento e até a súa morte, acontecida en Pontevedra en 1996, o erudito pontevedrés mantería unha gran actividade na promoción de iniciativas culturais.

     Filgueira Valverde iniciou o seu amplo labor docente en 1927 no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra. En 1935 gañou unha cátedra no Instituto Balmes de Barcelona e posteriormente exerceu en Lugo e na cidade do Lérez, da que foi alcalde. Pola súa dedicación ao ensino recibiría o alcume do "vello profesor".

     Membro numerario da Real Academia Galega desde 1942 e correspondente das Reais Academias de Historia, de Lingua e de Belas Artes de San Fernando, en 1972 foi nomeado vocal do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixiu ademais o Museo "Rosalía de Castro", o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e o Museo de Pontevedra. No bienio 1982-83 exerceu o cargo de Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.

     Na década dos trinta foi colaborador habitual de El Pueblo Gallego e Logos, publicación esta última en que mantería unha sección de comentarios bibliográficos asinados co pseudónimo J. A. Para alén destes artigos, a súa obra literaria atinxe a narrativa, a poesía, o ensaio e o teatro. Así, na súa producción figuran o libro de relatos Os nenos (1925) e a semblanza O vigairo (1927); o texto teatral Agromar. Farsa pra rapaces (1936) —estreado en 1932—, de novo asinada por J. Acuña; as antoloxías Cancioneiriño de Compostela (1932) e Cancioneiriño novo de Compostela (1969), en que recolle composicións do medioevo e etapas posteriores que fan referencia á capital galega, ou o volume de prosas literarias Quintana viva (1971).

     Porén, a maior aportación de Filgueira Valverde constitúena os seus traballos no campo da investigación. Moitas destas prosas, espalladas pola imprensa diaria, foron recollidas polo autor nos nove volumes editados baixo o título xenérico de Adral entre os anos 1979 e 1996. As súas aportacións ao coñecemento da lírica medieval verían a luz en 1992 no libro Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1927-1987).


Fonte: Biblioteca Virtual Galega.

10/5/15


DÍA DAS LETRAS GALEGAS

17 DE MAIO

 O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega presentaron unha proposta histórica: Que se declarase o dia 17 de maio de cada ano "Dia das Letra Galegas" como data para "recolle-lo latexo material da actividade intelectual galega".
Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego, expuñan que "con motivo de se celebrar aquel ano o centenario da publicación dos CANTARES GALLEGOS de Rosalia de Castro", a Academia deberia consagrar, con carácter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.   
                        
Estimaban que o libro rosaliano editado en 1863 "foi a primeira obra maestra coa que contou a literatura galega contemporánea" e que "a súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria", concluindo que representa "un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia".
Máis de 40 anos despois, celebrados días e dias das letras galegas, normalizada ou en camiño de normalizarse a situación cultural do noso País, é bo momento para facer un "suma e segue", un reconto dos persoeiros (dos "SEÑORES DA PALABRA") ós que ata agora se dedicou o Dia das Letras Galegas. Reconto breve de biografías e mínimos anacos da obra, para deixar constancia da honra que merecen estes galegos sobranceiros.
Comezamos con palabras de Francisco Fernández del Riego (da Real Academia Galega), que lembra aquel momento histórico: "Fixen un escrito que asinaron comigo don Manuel Gómez Román e don Xesús Ferro Couselo, e sometémolo á aprobación da Real Academia Galega. A Academia aprobouno por unanimidade, e cursou a pretensión á autoridade competente"
E naquel momento foi instituida como festa anual do Día das Letra Galegas o 17 de maio. Escolleuse esta data porque CANTARES GALLEGOS foi o primero libro galego que tivo unha significación universal.

"Os Señores da Palabra". Editorial Ophiusa. Lugo. 1993